Tanxedoras presenta en concerto o seu primeiro disco "Tanxedoras"
A presentación será este sábado 25 de abril de 2009 as 22:30h na sala Rosalía de Castro do Centro cultural Caixanova de Vigo.
Adobe Flash Player not installed or older than 9.0.115!
- Valse do Canizo
Cando cantamos música tradicional facemos inventario do que somos, do que fomos e do que queremos ser. As Tanxedoras suben ao escenario sabedoras de que atesouran, como bagaxe sagrada, dentro das súas gorxas as músicas todas da tradición galega.
Tanxedoras. Velaí o nome dun grupo de música tradicional que, a pesar de presentar agora o seu primeiro disco ( Tanxedoras, Pai Música - 2008 ), non é, desde logo, un grupo novo.
Leni, Yoli, María, Margó e Tere son as compoñentes desta agrupación que, a forza de percorrer o país abaixo e arriba, sabe xa dos mil nomes da música tradicional e dos mil xeitos de tanxer un pandeiro, abanear unhas castañolas, apertar un acordeón ou tirar da gaita sons que levan séculos entre nós, e que agora, gravados con xeito, chegan a fin a todos. As cinco levan anos mergulladas na música tradicional desde diferentes ópticas. Para quen crea no destino que asevere que foi el quen as xuntou. Tanxedoras tiñan que ser.
O repertorio das Tanxedoras inclúe, na súa parte meirande, temas recollidos por toda a xeografía galega. Temas que coma un vento lene e sutil levan viaxando a través das xeracións e das épocas ata chegar hoxe aos nosos días, máis vivos cá nunca, máis rotundos. Porque a música tradicional é unha voz rotunda que, sen embargo, sabe de melodías. Por iso das Tanxedoras podedes esperar calquera cousa: desde un aturuxo que é un berro de liberdade granítica á dozura da polifonía tenra e comprensiva.
Tanxedoras non son un grupo de música tradicional sen máis. O reto que se poñen é asumir a responsabilidade de cantar tradicional e de facer música tradicional. De cantar o de sempre pero desde unha marca de seu. Quen as teña visto sobre un escenario, voando polos ritmos, saberá que nestas cinco mozas hai unha forza capaz de conmover os corazóns máis duros e de facer bailar aos pés menos propicios. E non é para menos. Porque non son cinco mulleres e cinco pandeiros e cinco voces. Son unha polifonía de pandeireta, pandeiras, sachos, tixolas, morteiros, ferriños, bombos, tambores, gaitas, acordeóns, cunchas, culleres…
Este seu primeiro disco é só unha mostra afortunada de todo o que pasa sobre o escenario. Cando menos, iso é o que cómpre dicir ata que o público as ve actuar. Daquela, entende que tanta forza, si, cabe nun disco, pero que hai enerxía dabondo como para botar por fóra.