| Roi Casal - Raíces e futuro en plena sintonía |
|
|
|
| Thursday, 20 August 2009 08:34 |
|
A historia, realmente, comenzaría co avó de Roi, o pai de Nando, que xa era músico. Ambos coinciden en que «se tivese as mesmas oportunidades ca nós sería un grandísimo intérprete». Chegar a ser un bo tocador de instrumentos é moito máis que saber onde poñer os dedos nun mástil ou ter oído dabondo como para tirar as cancións con só escoitalas. De feito, o gran mérito dos Casal é que, como eles mesmo se definen, son «poliinstrumentistas», que é o que ten máis valor. Roi ten agora mesmo 29 anos e recorda que fai moitos xa que na súa casa «hai unha sala de música, para os instrumentos». Abofé que é certo. É un pequeno templo, que nunca pecha as portas e onde non se esvaen completamente os acordes dun ensaio cando xa escomenza o seguinte. Tarrañolas, zanfoñas, arpas, e guitarras conviven en perfecta harmonía con afinadores dixitais, atrís, vinilos e partituras. Ese reducto é testemuño directo de cómo nacen os novos éxitos de dúas carreiras profesionais neste campo, a de Roi, en solitario e a de Nando, con Milladoiro. Trinta anos de Milladoiro Nando é famoso por ser especialista nos instrumentos de vento e por teren pertencido dende sempre a Milladoiro, a que probablemente sexa a banda máis exportadora da cultura e do folclore galegos. Levan espallando o noso acento tres décadas, xusto as que está a piques de cumprir o benxamín. Pero non hai historias que non se crucen nalgún punto. Esta faino, por vez primeira, o 28 de abril do ano 2000. O Pazo de Congresos de Santiago acolleu o debú de Roi con Milladoiro. Aquel día foi «especialmente emotivo», a partes iguais, para os dous. Pero o grupo é moito máis que os discos, os concertos ou as viaxes. Milladoiro abríu a porta a un xeito de facer e sentir música para diferentes xeracións de diferentes países. Nando gusta da nomenclatura «música galega», porque, explica que «a música celta é tan só unha parte da nosa música». Para entendelo mellor, confesa que houbo ocasións nas que «a xente esperaba que tocásemos folclore español flamenco e ao final fumos catalogados como música exótica». Pero se hai un termo que pode explicar as influenzas, as conexións e as culturas é o de «músicas do mundo». Só falta Australia Coas maletas cheas de quilómetros e recordos, tanto Milladoiro como os que colaboraron coa banda nalgún momento, poden dar clase de Xeografía á hora de lembrar o pasado. «Só nos falta Australia», bromea Nando, que recorda que «o público reacciona ben ante a música, independientemente do país no que te atopes». Así, destaca aos xaponeses, «moi respetuosos» pero igualmente impresionados pola arte exhibida. Festivais como o de Ortigueira ou os do extranxeiro son vistos, por eles mesmos, «como un congreso, unha feira universal itinerante onde aprender e entrar en contacto con outros artistas», como sinala Roi. El mesmo, xa ten claro que un dos grandes e repetidos erros dos artistas é que acaban por ser «moi chauvinistas», por deixar de escoitar o que fan outros para enfrascarse no traballo propio. O vindeiro día 14 de agosto, Milladoiro estará en Vilagarcía. Nando, enriba do escenario. Roi, entre o público. |