Follow us on Twitter
A música salgada de Batuko Tabanka PDF Imprimir E-mail
Jueves, 07 de Enero de 2010 16:44

Djunta mô, expresión crioula que significa “axudar entre todos”, é o título do novo disco de Batuko Tabanka, un grupo integrado por doce mulleres caboverdianas asentadas dende a década de 1970 na Mariña Lucense, que gañou oco de seu na escena internacional da world music batukando sobre unha saca de coiro os ritmos dos cantos da escravitude.

Colocadas en abano sobre o escenario, as doce mulleres baten con forza sobre un pano pregado que sosteñen entre as pernas e cantan temas, compostos por elas mesmas, marcados pola morriña e a emigración. De cando en vez, no medio dunha canción, unha delas sae ao centro da escena, amarrando un xersei ao cinto para danzar freneticamente como secularmente se fixo na illa.

Todas elas engrosan, xunto aos seus homes e fillos, unha comunidade de emigrantes caboverdianos espallada por todo o mundo que ascende ao millón de persoas, cifra que duplica a poboación residente na illa. Antonina de Cangas, unha das integrantes do grupo con máis tempo en Galiza, explica que o ritmo das batukadeiras ten un pasado ligado á música feita polos escravos. “Cando se prohibiu a escravitude Cabo Verde foi poboada por mulleres negras e polos homes brancos que traficaban con persoas”, comenta. Sen voz nin voto, as mulleres comezaron a bater no peito, como facían os escravos, para poder manifestarse, pasando despois a percutir sobre un trapo mollado.

Neste disco, Batuka Tabanka propón unha integración destes ritmos africanos coa música galega, unha fusión “moi natural”, ao ver de Segundo Grandío, produtor do traballo, na que participaron tanto músicos galegos como caboverdianos. “Non sei até que punto a música tradicional de Cabo Verde está inventariada e non me atrevo a cualificar o batuko como tal”, sinala. “Pero descubrimos que os seus ritmos eran moi parecidos ao das muiñeiras e xotas galegas e que as súas cancións tiñan semellanzas coas das pandereteiras”.

Traballo de cooperación

Este disco preséntase como o segundo froito dunha relación iniciada en 2006 entre a produtora Abada e a discográfica PAI Música. O primeiro foi o documental Cabo Verde, sabí. A muller e a terra, o home e o mar, dirixido por Manuel Maseda. Agora PAI publica o apartado musical dese encontro nun compacto composto por doce temas e un dvd no que se recolle o concerto gravado na viaxe a Cabo Verde, vídeo clips e unha reportaxe sobre como se elaborou o traballo. Inclúe ademais un libro ilustrado coas fotografías de Cabo Verde de Xulio Villarino e as letras das cancións en crioulo traducidas ao galego, castelán e portugués.

Colaboracións. Músicos galegos, caboverdianos, brasileiros, portugueses e estremeños presentaron os seus instrumentos para arroupar musicalmente as cantareiras. As Batuko Tabanka contaron coa colaboración no disco de Xosé M. Budiño, Mercedes Peón, Rodrigo Romaní, Xosé Liz, Uxía Senlle, Antonio Por do Sol, Fernando Abreu, Isaac Palacín, Lola de Ribeira e os gaiteiros de Treixadura.

Nesa lista figuran ademais os músicos caboverdianos Tcheka, coñecido en Europa da man da discográfica Lusafrica, Vitori Nha Vivinha, Nho Nanu, Dj Asaias, Manel Di Tilinha, Ntoni Dente D’Ouro, Jon Luz, Xisto Almeida, Vadú e Agostinho.

Colabora tamén Nácia Gomes, considerada a raíña da finaçon, un estilo que na actualidade só practican tres mulleres, entre elas Nha Lilí, tamén no disco. Todas elas superan os 80 anos de idade e practican estas composición poética acompañada de música que consiste nunha canción de proverbios e asuntos cotiás, con inflexións vocais a ritmo do batuko. Están sempre improvisadas e poden durar horas.