Cores do Atlántico é un traballo divulgativo-musical sobre as cantigas de amigo que ofrece unha nova perspectiva do xénero máis autóctono da nosa lírica medieval, desde unha dobre dimensión: a interpretación teórica da catedrática holandesa Ria Lemaire Mertens e a interpretación musical da cantautora brasileira Socorro Lira. O libro está iIlustrado polo artista lucense Quique Bordell.
O proxecto nace no ano 2006 co inicio da súa investigación sobre ás cantigas de amigo paralelísticas, para a edición dun CD con versións cantadas dalgúns dos textos conservados. Publícase agora en formato libro-disco en galego e portugués, por parte de Ponte...nas ondas! e PAI Música dentro dun proxecto musical.
Reproductor de Flash no instalado o version instalada es anterior a 9.0.115!
Un traballo literario
A argumentación teórica sobre a orixe dunha tradición oral sustentada por mulleres é unha tese defendida pola especialista en literatura medieval en linguas románicas e doutora pola universidade de Utrech, Ria Lemaire.
Ria Lemaire, especialista en literatura medieval e profesora da Universidade de Poitiers, escribe un traballo de divulgación sobre as cantigas de amigo galego-portuguesas como as primeiras mostras do patrimonio cultural galego-portugués, que nos chegaron por vía culta: os primitivos cantos de mulleres.
Ria Lemaire fai unha novedosa lectura do contexto e do significado destas cantigas como expresións dunha tradición oral que se mantén viva no territorio de orixe e nos demais lugares onde chegou, ben por procesos de colonización ou levada por emigrantes máis tarde.
Un traballo musical
No enfoque musical a cantautora brasileira Socorro Lira aborda unha lectura contemporánea da melodía das cantigas integrando as sonoridades galegas, portuguesas, africanas e, especialmente, brasileiras; espazos que comparten o patrimonio cultural da lírica galego-portuguesa. Dende os ritmos brasileiros como a ciranda, o samba, o batuque, o baião, o congo, o aboio ou a toada nordestina, interprétanse as cantigas de amigo dunha forma transgresora e ao mesmo tempo harmoniosa.
Arranxado por Jorge Ribas, Cores do Atlántico integra as sonoridades de tres continentes unidos por un patrimonio común: a lírica das cantigas de amigo galego-portuguesas.
Desde o Brasil, a compositora e cantora Socorro Lira reúne voces tradicionais como as das Cirandeiras de Caiana de Crioulos xunto as colaboracións de Margareth Menezes-a Maga e Cida Moreira. Desde África, a guineana Eneida Marta achega a súa cálida voz asociada aos ritmos de Guiné Bissau como o Gumbé, a Morna ou a Singa. João Afonso e Teresa Paiva introducen a expresión portuguesa e a sonoridade da gaiteira do Porto. En Galicia, son as voces de Leilía e Uxía as que recrean as cantigas que noutrora cantaron as mulleres neste territorio de orixe da lírica medieval galego-portuguesa.
Un traballo artístico
O artista lucense Quique Bordell fai a súa achega plástica con ilustracións que combinan o colage e a sobre-impresión nunha proposta vangardista sobre as letras das cantigas de amigo. Quique Bordell é unha das referencias artísticas máis interesantes do panorama da arte galega moderna e a súa obra ten sido relacionada coa de Tápies ou coa do mestre Dubuffet.