Follow us on Twitter
Milladoiro presenta "A Quinta das Lágrimas" PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 26 Novembro 2008 22:05

milladoiro_quintadaslagrimas

A banda sonora de Galicia e Portugal.

PAI Música edita o novo traballo discográfico de Milladoiro onde o Eixo Atlántico e Cormorán aunan sinerxias para levar a cabo un proxecto de hermanamento entre Galicia e Portugal cun Atlántico como espello de fondo, fiel reflexo do sentimento e historia que o propio grupo define na súa introducción ao disco:

É a banda sonora da alma semellante e distinta que compartimos, Galicia e Portugal. É unha viaxe musical polas terras, os montes, os ríos, a fala, o mar, os ritmos, as tradicións, a historia, etc, que  forman o imaxinario que fixo de nós dúas ponlas nacidas dunha mesma árvore.


Ten este camiño a sua orixe e inspiración nos amores de D. Pedro de Portugal e Dña. Inés de Castro, galega que chegara a ser Raiña de Portugal despois de morta. Alí atopamos a fonte onde nace esta historia que nós queriamos contar coma un río que xuntos nos leva o mesmo mar; e o seu titulo atopámolo nese lugar que tiña acovillado a súa historia de amor e morte e que deu lugar a fermosa lenda que é o berce deste relato musical: A Quinta das Lágrimas.

Recorremos o laberinto do medioevo da man das Cantigas de “Santa María”  de Alfonso X, para despois adentrarnos na música, nos ritmos nacidos sen fronteiras, composicións da Raia, levadas pola tradición de beira a beira do Miño como o “Galope de Guistola” do rico folclore miñoto e dous temas de Tras os Montes e o tema tradicional galego “Foliada de Avión”

Cara o Oeste, Galicia e Portugal ollan ese misterio sen resposta que é o Atlantico, un mesmo horizonte infinito. Dese mar fala Fernando Pessoa no seu poema  “Mar Portugués”; pero hai outro, o que surcan as mulleres e os homes nas travesias, as veces sen retorno, o mar do traballo, poético e real no poema de Manoel Antonio “Sós”.

Un día Portugal erguéuse chea de caraveis. Daquela época un canto a nova era no “Venham mais cinco” de  José Afonso, que permitímonos versionar. Namentras, desta beira do río, Luis E. Batallán poñía fermosa música ó poema de Álvaro Cunqueiro, ”Quén poidera namorala”, un deja vu da lírica dos trobadores.


Este traballo pasa a ocupar o número vinte e tres da historia do grupo máis representativo e admirado da música folk do país. A Quinta das Lágrimas é pois unha volta ás cores, a beleza e ao coidado exquisito dos traballos de Milladoiro.

Un disco gravado nos estudios Cormorán e Casa de Tolos e que conta con colaboracións especiais como a das voces femininas de Laura Amado e da fadista lisboeta Mafalda Arnauth.
O deseño corre novamente a cargo de Xose M. Piñeiro, outro compañeiro de viaxe de Milladoiro dende “A Galicia de Maeloc”.