| Pancho Álvarez editará o seu novo traballo en PAI-Música |
|
|
|
| Luns, 23 Febreiro 2009 15:03 |
O músico Pancho Álvarez sacará en breve o seu terceiro traballo “ Sólidos galicianos”, que vai ser editado polo selo discográfico PAI Música.
Este disco componse de trece pezas musicais, coas que o artista se mergulla nos ritmos galegos para atopar diferentes sonoridades, contando para elo coas colaboracións de Álvaro Iglesias ao contrabaixo e a voz de María Solleiro.
O título do traballo fai referencia a unhas moedas acuñadas na época do antigo Reino de Galicia. "Estas moedas, ademais doutros moitos tesouros, agóchanse segundo a mitoloxía popular baixo os castros e as mámoas, onde os seus donos os mouros viven e manteñen tratos cos homes". Esta é a ficción, pero estes tesouros existen como metáfora dun patrimonio, do cal forma parte a nosa música tradicional. Unha música que sí é unha realidade, que contempla o paso das diferentes modas a través do tempo e vai asimilando e facendo súas todas esas influencias que progresivamente van enriquecendo o seu patrimonio. Pancho Álvarez, músico recoñecido na escena galega, é un multiinstrumentista que domina os instrumentos de corda. Nos seus traballos combina a tradición coa súa propia bagaxe musical, dándolle a todos eles un son fresco e cheo de matices e ofrecendo unha espectacular visión das vellas tradicións, pero dun xeito moderno e actual. O músico porriñés deuse a coñecer como violinista do grupo “Na Lúa” a comezos dos anos 80. A partir de 1993 entraría a formar parte do desaparecido grupo “Matto Congrio”. Ademais de ser un asiduo colaborador de Carlos Núñez, no ano 1998 publicou o seu primeiro traballo en solitario, “Florencio, o cego dos Vilares”, onde recollía a tradición dos cantares de cego facendo unha sentida homenaxe ao último dos violinistas cegos. No 2001 sairía o mercado o seu segundo traballo, “Nas cordas.” Lanzamento dixital exclusivo de PAI Música Adiántate ao lanzamento do disco e mércao en formato dixital. Xa podes mercar este disco en formato dixital a alta calidade antes de seu lazamento oficial.
|